2011/12/21

5ª xornada da LNB NorLeste "V Trofeo do Galo"

       Tarde pasada por auga, por momentos caeron chuzos e mesmo no pavillón do IES Porta da Auga, se colou o líquido elemento e deixou algunha que outra poza que pero non impediu de ningún xeito a disputa do aberto. A LNB está embalada, de novo enchemos o pavillón de paláns e billardas de tódolos tipos. Dende as tradicionais feitas a navalla ata as xa mais elaborasdas, dinámicas e personalizadas. A creatividade tamén se fai presente entre os palanadores.
     Antes do comezo da xornada, fíxoselle entrega a Daniel do “VARAL DE AMIEIRO”, que consiste nun trofeo e diploma no que se lle recoñece ter acadado o número de 33 varados en competición. Actualmente son catro os palanadores que ostentan este recoñecemento, Xan e Xosé Rodiño (Batea), Iván (Furabolos) e agora tamén Daniel (Billardeiros Musicais)
     Discurriron as carreiras sin atrancos e con mais sorpresas das agardadas. Salientar o gran nivel a que raian tódolos palanadores/as que guinda por terra calquera previsión que con mais ou menos lóxica se poidera adiantar. Nembargantes nesta ocasión chegaron ao final con pleno de victorias dous palanadores veteráns ben coñecidos e afeitos a estar nos primeiros postos.
     Denantes houbo un desempate pola terceira posición entre Regueiro e Noe (ámbolos dous de Troitas Bravas), que deu como gañador a Regueiro, un novel que empeza a ser ben coñecido pola súa progresión e por ter xa gañado na Pontenova.
     Markytos (Billardeiros Musicais) e Eric (Os Outros) foron os que acadaron o 1º e 2º posto e a dúas carreiras loitaron polo galo. Na primeira carreira ficaron empatados. Foi na segunda con turno de saque para Markytos, cando este se proclamou Campión o conseguir un fermoso varado ao que Eric non poido replicar.
     O Apalpador un ano máis chegou á LNB e fíxo a súa aparición no Aberto do Galo de Ribadeo e pese á tremenda tromba de auga que caeu non estaba mollado, nin por dentro nin por fora. Non faltou pois a cita anual e foi o encargado da entrega de premios que quedou da forma seguinte:
     3º posto e trofeo de un lote de fabas para Regueiro (Troitas Bravas)
     2º posto e trofeo de un cesto de mazás ecolóxicas para Eric (Os Outros)
     1º posto e trofeo do “JALO” para Markytos (Billardeiros Musicais)
      A clasificación xeral está actualizada ca salvedade dun erro que xa se solventou ainda que non se actualizou no blogue. Charly do Spartak de Muimenta figura con 2 puntos menos por erro de transcripción e polo tanto o seu equipo tamén.
Deste xeito rematou o Galo, listo para o forno.

       Agora a disfrutar do Nadal e prepararse para a vindeira xornada do 14 de xaneiro en Castro de Riberas de Lea. Aló nos agarda a afamada “Galiña de Mos”.
       E OS QUE AINDA NON TEÑADES BILLLARDA, É O MOMENTO DE ESCRIBIR A CARTA OS REIS, A PAPA NOEL, O APALPADOR OU A QUEN CREADES QUE VOLA PODE DEIXAR.  
BO NADAL A TODOS !

No hay comentarios: