2015/04/15

X xornada de LNB NorLeste


I Aberto de Billarda “A Ceo aberto”. Mosteiro (Pol) 11 abril 2015

Billarda e festa rachada na carballeira de Mosteiro

Foi o sábado 11 de abril. A xente que pasaba a carón da carballeira de Mosteiro, estranábase de ver unha carpa montada que paseniño se iba enchendo de vida.
A xente chegaba e deixaba os bártulos aquí e acolá e arrímábanse a barra do pequeño bar para botarlle un grolo. Outros logo de saludarse e ollar o terreo de xogo, metíanse directamente o choio e palán en man comenzaban a buscarlle xeito a cousa.
Uns paisanos que por alí andaban, discurrían deste xeito:
-       E lojo, seica adiantaron a festa do emigrante ou?
-       Non qu’eu saiba!
-       Daquela, toda isa xente…..
-       Ahh…, ises son os da billarda.
-       Os da billarda?
-       Si hom, os da billarda!  Ti non oiches falar da LNB?, pois hoxe teñen xornada de liga e veñen xogar a Mosteiro.
-       Carapio!!  Con tanta xente logo se facía unha malla!
E sin deixar de parolar, sentaron perto da carpa para non perder nin ripia de todo canto acontecía na carballeira.
            Fíxose o sorteo e deron comezo as carreiras nunha fermosa tarde na que  o amigo "Lorenzo" nos invitaba mais a disfrutar da tarde que a liarse a palanazos no medio da carballeira, pero a LNB estaba en marcha e sesenta palanadores comenzaron a loita por ser os primeiros en meter a billarda no varal, tarefa deseada e non doada.
           A lentitude do campo e o gozar da cálida temperatura, fixo que nesta ocasión a xornada se prolongase algo mais do normal. A xente non tiña presa, estabase ben xogando e botándolle un grolo de cando en vez.
            Kiko, de O Cadaval si tiña presa e adiantáronselle as carreiras por mor do seu compromiso na Moexmu, así que gañou as cinco e liscou deixando ocupado xa un posto no podio da xornada.
            Non se acadou ningún varado e rematou a xornada con dous plenos que se sumaron o xa dito de Kiko: Daniel e Franco de “Billardeiros Musicais”, que se xogarían o primeiro e segundo posto en dúas carreiras. Kiko o non estar presente quedou por tanto no terceiro posto.
            O enfrontamento entre os dous compañeiros deu como gañador ao mariñan Daniel, que, xa superada a presión dos enfrontamentos directos para chegar a final, non deu respiro ao seu compañeiro de equipo Franco. O italo-galego tivo que se conformar ca segunda plaza.
En donas a mellor da xornada foi Lola Eiras de Extensión Billarda seguida de Geni de “Billardeiros Musicais” que xa era matemáticamente campiona antes de comenzar o aberto.
            Por equipos os “Billardeiros Musicais” volveron a superar aos seus perseguidores directos “O Cadaval” e recuperan dous dos cinco puntos perdidos na xornada anterior.
             Xogouse a continuación un mini aberto infantil o que se apuntaron oito cativos e dos que saiu gañador Juan, que por suposto tamén tivo o seu trofeo. Parabéns para estes futuros grandes palanadores.
            Uns artesanais trofeos e maís unas plantas de castaño foron os agasallos para os gañadores, entregados por Manu, representante de A. c. Polka Pol Kultura Aberta e seguidamente festa rachada con actuacións dos propios palanadores, gaitas, pandeiretas, pendeiros, música folk… e petiscos, moitos e variados petiscos que axudaron a troula e a mellorar ainda mais o ambiente festeiro que preside cada aberto da LNB.
           Billarda sempre e Adiante co Varal!
            A vindeira e derradeira enganchada da tempada en Remourelle o 9 de maio, pero antes temos a cita anual para a disputa do “Xerro do Salnés en Xil (Meaño), será o 25 deste mes de abril. Teremos un bus para o desprazamento e será preciso saber o número aproximado dos que contar ir canto antes mellor. Xa informaremoso do tema. 

2015/04/04

IX xornada da LNB


IX Xornada da LNB NorLeste 2014/2015

I Aberto da Bola de liscos.
Vian-A Pastoriza 28 marzo 2015

            A mellor adaptación de “O Cadaval” a herba lévaos a gañar en Vian.

“O campo de fútbol de Vían” converteuse iste derradeiro sábado do mes de marzán en plaza conquistada polos recios palanadores da multicolor serpe da LNB. Un capitulo mais neste incesante roteiro billardeiro, que pola implicación e boa organización dos anfitrións, os compoñentes do equipo “Cruzados”, finalizou convertíndose nun novo éxito. Espectacular tarde de billarda na que mais de medio cento de palanadores loitaron bravamente en pos da bola de liscos.
O terreo puxo algún que outro atranco no xogo, pois baixo a, en apariencia herba recén segada, escondíanse algún que outro burato e foron mais de ún os palanadores que ca fogaxe de pilla-la billarda cando subía facendo algún xiro raro, foron de fuciños e probaron a bondade do chan chairego.
Ainda que disfrutamos de bo tempo, o sol non chegou a queimarnos. Impediullo un non moi lixeiro soplo de ar que nos aloumiñaba e paseniño foi trocando ate chegar a nos amolar.
O bo humor estivo sempre presente
 
Nembargantes, ningún atranco e dabondo para frenar a LNB. As carreiras sucedéronse sin trégola, para uns mellor que para outros pero para todos ca ledicia dunha sa competitividade.
 Tarde non propicia para os varados. So un, e acadouno Ismael, un debutante con futuro e dende xa completamente billardeiroadipto, que deste xeito deixou patente que de neno algo xogara a billarda. So perdeu a primeira carreira das cinco en xogo.
Manolo Pozo troixo a Carlos, este a Ismael e pum: VARADO
Temos que subliñar tamén a boa achega de O Cadaval, que esta tarde foron os mellores, Pepe Outeiro, mancado no brazo dereito, mantivo un sobresainte xogo ca esquerda cedendo so un empate e Pepe Vidal acadou pleno e repetiu final. Tamén fixeron pleno Xosé Collazo, dos Billardeiros da Laracha e unha vez mais e van… Markytos de Billardeiros Musicais.
Isma de Carabullo de Teixo, estaba de boas, levaba pleno e con posibilidades de acadar a final, pero atopouse con Geni e non puido ca presión de enfrontarse a mellor das donas, temblaronlle as pernas, fallou o primeiro golpe e tamen o segundo, así que llo puxo doado a excampiona nacional e perdeu unha boa oportunidade.
Pola súa parte Geni (Billardeiros Musicais) sigue aumentando a ventaxe  como mellor clasificada das donas. A falta de dúas xornadas ten prácticamente gañado o campeonato.
No desempate pos primeiros postos, Markytos saiu gañador e xusto gañador da bola de liscos, Collazo segundo tamen foi agasallado cun bolo e Pepe Vidal foi terceiro e levou outro bolo que puido xuntar ca bola que o seu equipo “O Cadaval” gañou como campións da xornada por equipos.
 Días como este son os que fan que te enganches definitivamente a este xogo-deporte e que agardes  unha nova enganchada o antes posible. Parabéns a organización, extensivo a tódolos palanadores que fan posible que xornada a xornada se repitan os éxitos e que a chama da billarda se extenda  e medre cada vez mais.

Agardamos por todos vos na Carballeira de Mosteiro-Pol o vindeiro 11 de abril.