2015/10/06

Festa Billardeira en Ponte Outeiro


1ª xornada da LNB NorLeste. Ponte de Outeiro 03.10.15 

Xa estamos en marcha!

O sábado 3 de outubro, arrincou a nova tempada da liga regular de billarda. Foi no campo da festa de Ponte de Outeiro (Castro de Rei), donde no troco dos danzantes, foron as billardas as que  o ser golpeadas, fungaron no ar xirando alegremente e non sempre cara ao varal. Algunhas e malia as intencións dos xogadores, desviábanse do desexado destino final (“o varal”) e se perdían fora dos límites do campo, caendo no rio ou agochándose entre a vexetación da súa marxe. Por sorte e por previsión dos “Carabullos”, organizadores do aberto, o esquieiro estaba xa preparado para úsalo cando fixera falla.
A neboenta e fría mañá que nos recibiu os que madrugamos para xantar no lugar antes da enganchada, foi paseniño quentando ata se converter nunha tardiña calurosa que nos acompañou aos mais de medio cento de palanadores que nos demos cita nesta primeira xornada billardeira.
As pistas de xogo moi ben dispostas e arranxadas para a ocasión foron o marco perfecto para unha xornada de adaptación ao novo sistema de xogo que estreamos este ano.
Notouse un pouco a inactividade do verán e algún dos equipos ainda están incompletos ou en fase de renovación pero todos deron o mellor de si moi atentos a ir tomando posicións cara a clasificación xeral.
Logo das cinco carreiras regulamentarias, saiu un gañador do aberto. Carlos Alvariño con 22 puntos de 25 posibles foi o brillante campión da xornada.
Para o segundo e terceiro postos houbo catro aspirantes que empataron a 21 puntos. Estos foron Daniel e Manolo de Billardeiros Musicais, Jorge de Pena verde e Muriego de Remourelle Bulls. A primeira rolda de desempates gañouna Daniel que amarrou o segundo posto e seguidamente Muriego desfixose de Jorge acadando a terceira posición.
Por equipos, os Billardeiros Musicais de Ribadeo sairon vencedores, recibindo como agasallo unha fermosa cesta de productos típicos.
Para os tres primeiros, tiña disposto a organización sendos artesanais trofeos acompañados de unha árbore para plantar (unha maceira, un ameixeiro e unha figueira).
A continuación da entrega de premios, deu comezo a foliada con petiscos, doces, bebidas e por suposto música de gaitas, pandeiretas e cantos enxebres capitaneados por o gran animador Chousa.
Ismael recibe un agasallo de mans de Xerman Viluba
Cheos de ledicia demos por finalizada a xornada quedando citados para o 17 de octubre celebrar a 2ª xornada en A Cadeira. Agardamos seguir disfrutando deste noso deporte e compartilo cada vez con mais xente que queira pasalo ben. Billarda sempre!

No hay comentarios: