2025/04/29

13ª Xornada da LNB NorLeste. Muimenta 26-04-2025

 13ª xornada da LNB NorLeste. Muimenta 26 abril 2025

MARKYTOS E CARABULLO OS AMOS EN MUIMENTA

       No campo de fútbol “O Pichón” de Muimenta, xuntámonos 68 palanadores para a disputa do XI aberto  “A TERRA NON SE VENDE” (47 homes, 14 donas e 7 cativos).

Roi un Troitiña con futuro fixo 2º en infantis

    Fermoso e soleado sábado  para a práctica deportiva e soamente contra o final da xornada quixo Eolo facernos unha visita e xogar un pouco el tamén coas billardas.

Anita debutou sin moita sorte mais cun bo estilo

    Subliñar que o equipo anfitrión, os "Carabullo" se presentaron con todo o seu arsenal en pleno, loitando polo seu aberto, e abofé que o conseguiron facéndose xustos gañadores con 82 puntos, tres mais que Billardeiros Musicais e sete por riba dos líderes Troitas Bravas.

Carabullo, profetas na súa terra

    E tamén en individuais o seu zurzo d'ouro Charli (que subio o podio no terceiro chanzo con 23 puntos), loitaba no primeiro grupo e non lle quitaba ollo o segundo donde se atopaba o rival a bater, Sachas, que foi perdendo folgos nas derradeiras xornadas e hoxe non puido pasar dos dezaoito puntos co que Charli está xa a so un punto na xeral. Remourelle será quen dicte sentencia polo campionato. Sorte os dous unicos candidatos o título de Campión 2025.

Sachas e Charli. Dous xigantes a polo título

    Máxima emoción tamén nos grupos 5 e 6. Markytos nun e Mateu no outro mantiñan unha loita particular por acadar o pleno da xornada. O xoven Mateu perdeu a opción na terceria carreira donde Milio e Dani de Carabullo se lle adiantaron a entrar no varal; nembargantes o infantil de Madia Leva alzouse ó segundo posto da xornada con 24 puntos. 
    
Markytos pechando a tempada en plena forma.

    No grupo seis Markytos si que foi quen de redondear a xornada acadando o terceiro pleno da tempada (so ó tiñan conseguido Charli e Manu Pozo). De non ter perdido dúas xornadas de liga, hoxe de seguro estaría loitando polo título, ainda así está asentado no top dez.

Cris, Raiña do Castiñeiro

    En Donas Cris (Castiñeiro Milenario) foi a mellor con 15 puntos seguidas das musicais Billardeiras Dori e Aroa con 14 e 13 puntos respectivamente.
    En canto os cativos, o segundo posto na xornada de Mateu deulle por suposto o primeiro en infantis, secundado por dúas Troitas Bravas, Antía que perdera algo de folgo pero que sempre está aí e polo bravísimo Roi que nos deleitou cuns primeiros golpes extraordinarios ainda que logo fíxose de rogar para entrar no varal.

Charli 3º, Markytos 1º e Mateu 2º

    
Os premios foron como sempre exemplares de árbores frutais e por conta de “Carlos Alvariño” un par de botellas de ron "añejo" para os dous primeiros (neste caso primeiro e terceiro por ser o segundo menor de idade). Graciñas Alvariño polo teu agasallo, agardamos poder contar contigo na vindeira tempada, unha vez te recuperes completamente.


   
A  derradeira xornada da tempada xógase en Remourelle o sábado 10 de maio. Como é costume, neste caso os grupos se farán según a clasificación xeral.  Os primeiros clasificados conformarán o primeiro grupo e serán os que xoguen en último lugar.
    Solo hai un varado na tempada pero e moi posible que se fagan varios en Remourelle así que en caso necesario, poderá haber desempate ata acadar un so Campión. Billarda sempre e adiante co Varal.

2025/04/07

12ª xornada da LNB NorLeste. San Miguel de 6 abril 2025

 DAVID NAVALLO “O MAGO DE CASTROPOL” REXURDE EN SAN MIGUEL

    O XIV Aberto de Flores” disputouse no campo das Balgas de San Miguel de Reinante, corres pondente a décimo segunda xornada da LNB NorLeste, ca asistencia de 68 palanadores (48 homes, 14 donas e 6 cativos).

Paulo, hoxe extranamente tirando moito a dreita.

    Ainda que cando chegamos o campo estaba húmido, Lorenzo foi testigo e quen de ir secándoo a modiño nunha nova e exitosa xornada billardeira na que rexurdiu a figura de David Navallo, que viña ultimamente mellorando as súas prestacións. 

    O “mago de Castropol” tivo o día e non o desestabilizaron as constantes e repetidas brincadeiras de Gundar, él seguiu firme no seu xogo. Foi precisamente a súa compañeira de equipo Alba a que lle impedíu acadar o pleno adiantándoselle na terceira carreira polos cinco puntos. Tivo pois que conformarse con 4 e un  total de 24 puntos. 

    Para o segundo e terceiro chanzo desempataron a dúas carreiras  o tamén Troita Manolo e o Carabullo Charli que foi quen finalmente acadou o segundo chanzo deixando o terceiro posto para Manolo, o gañador do derradeiro aberto en Begonte.

Juncal como sempre alegrando a xornada.

    En donas, Geni superou o malestar da anterior xornada e deixou craro que sigue tando en plena forma. Hoxe foi a millor das donas con 19 puntos superando as duas estrelas de Castiñeiro Milenario, Vanesa (17 p.) e Cris (15 p.).

    Nembargantes ainda que nos destaca por facer grandes puntuación, temos que subliñar a participación de Juncal ca súa  paixón dando o mellor de sí, sempre alegre, animando e  festexando cada bo golpe tanto dela como dos demaís. Hoxe especialmente festexando a súa terceira carreira na que acadou catro puntos e rematou cos cinco que pillou na cuarta, semellaba unha croqueta dando voltas polo chan. Grande Juncal.

    En infantís voltamos o de sempre Mateu, Diego e Mateo no mais alto, ós dous de Madia Leva non hai quen lles tusa, teñen dous chanzos do poido co seu nome gravado en exclusiva. Dous Troitas son os perseguidores Antia e Mateo, desta volta como nas derradeiras xornadas foi Mateo o que os acompañou, que sigue a dar o mellor de si en cada aberto.

Mateu líder dos peques e no posto décimo da xeral

Troitas Bravas, virtuais campións da tempada.

    Por equipos Os troitas Bravas cos 24 puntos de Navallo e os 23 de Manolo, marcaron o rumbo dos compañeiros que non se quedaron moito atrás e axudaron a gañar a xornada aumentando a distancia con segundos e incansables perseguidores Billardeiros Musicais. Empatados no terceiro posto quedaron Madia Leva e Castiñeiro Milenario que loitan polo xa inalcanzable terceiro posto da xeral en poder de Carabullo.

Flores anfitrión, organizador e palanador, agarda a sua quenda para xogar.

    O remate, como mestre de cerimonias, Manolo Flores fixo a entrega de agasallos ós gañadores con medallas para tódolos cativos participantes. Parabéns e Billarda sempre.

    Vémonos en Ponte de Outeiro o vindeiro sábado 26  deste mes de abril.

2025/03/31

11ª xornada da LNB NorLeste. Begonte 30 marzo 2025

 MANOLO - MARKYTOS - GUNDAR  PODIO DE LUXO 

    Xogouse no campo de fútebol de Pacios-Begonte o cuarto aberto do Castiñeiro nun dia ben soleado mais algo frio e por veces con vento racheado que se notou mais o final d xornada.

   Xuntámonos 74 palanadores (52 homes, 14 donas e 8 cativos)  para disputar a 11ª xornada da LNB NorLeste que se pechou con puntuacións algo mais baixas do que cabía esperar:

    No grupo un e dous sobresairon Regueiro (20p.) D.Navallo (22p.) e Charli (21p). Cabe subliñar que Regueiro chegou xa comenzada a xornada e a primeira carreira pasouna en blanco, mais nas catro seguintes fixo pleno de puntos. Pode ser que de chegar puntual, o podio sería outro.

Regueiro aproveitou as carreiras que xogou

   Basilio e Pepe Outeiro (19p.cada un) destacaron no grupo tres e Gundar fixo o propio no grupo catro (23p que o levaron o podio), perdeu un pleno por culpa de Diego na primeira carreira e de Sandonguero na terceira que entraron antes no varal.

   Aroa (19p) e Albino (22p) dominaron o grupo cinco sentindo no cogote a presencia de Milio (18) e no seis Manolo (23p e finalmente campión do aberto) tampouco fixo pleno porque Daniel (20p) se lle adiantou na segunda e cuarta carreira..

    Rematando os grupos, no sete Markytos (23p e segundo da xornada) foi quen liderou craramente as puntuacións, so Muriego (17p) puxo algo de resistencia.

Ana e Mateo, foron o atranco de Markytos para  facer pleno

 Cabe destacar neste grupo que Markytos non fixo pleno porque na terceira carreira Ana lle quitou o cinco e na quinta  foi o xuvenil estrela dos Troitas, Mateo quen tamén se lle adiantou en entrar no varal. No grupo oito foron Juanki (21p), Mario (19p)  e Sachas (18p) os que mais puntuaron.


      Así pois, houbo un desempate para ocupar o podio entre Manolo (Troitass Bravas), Markytos (Billardeiros Musicais) e Gundar (Madia Leva). Gañou Manolo con seis puntos e os outros dous voltaron a empatar a cinco puntos. O remate, a experiencia do tricampión dos Musicais, impúxose a xuventude e puxanza do de Madia Leva.


   En donas, Aroa (Bill. Musicais) superou a Vanesa e Cris (as dúas de Castiñeiro Milenario) facendo unha moi boa puntuación, ata a derradeira carreira tiña posible acadar vintecatro    puntos, mais a presión puido con ela e rematou a serie con un cero papatero (total 19 p que xa tiña no peto).

Aroa foi a campioa das donas

   Diego gañou infantis co seu compañeiro Mateu (Madia Leva) e Mateo (Troitas Bravas) empatados no segundo posto. O troitiñas estase acostumando o subir o podio. Bravo!

Diego usando protección. tendo a Gundar no grupo, nunca se sabe.

   Os Troitas Bravas gañaron por equipos acadando a segunda mellor puntuación da tempada (87p) e aumentando a diferencia cos Billardeiros Musicais que foron segundos (81p). Terceiros foron os lucenses de Madia Leva (69). Os da Pontenova teñen a tiro de pedra revalidar o título de campións e so os ribadenses los poden poñer en apuros si se descuidan, o que non parece doado que aconteza.

Os Troitas lideras a xeral destacados.

    Mais unha volta os anfitrións de Castiñerio se portaron na magnífica organización e nos agasallos os gañadores. Parabén a todos e Billarda Sempre!

    Agardamos vernos de novo o vindeiro domingo día 6 de abril en San Miguel de Reinante para disputar o "IV Aberto de Flores"

2025/03/21

10ª xornada da LNB NorLeste. Bretoña 8 marzo 2025

 BILLARDEIROS MUSICAIS FANSE FORTES, MARKYTOS FURA O VARAL E 

MARIO GAÑA O ABERTO

    O campo da festa de Bretoña deparounos unha magnífica xornada billardeira donde nos xuntamos 67 palanadores (48 homes, 14 donas e 5 cativos) sabedores de que o remate do “VI ABERTO DAS FRECES”, poderíamos catar o xa tradicional e rico manxar.


    Non se pode calificar como sorpresa, pois hai tanta calidade, que calquera, home, dona ou incluso cativo, nun bo día pode facerse co trunfo como así foi no día de hoxe. Temos que decir que brilou con luz propia un dos mais noveles palanadores, que xa viña mostrando unha notable melloría non derradeiros abertos. Mario de "Billarda Verde" foi o mellor acadando un casi pleno de 24 puntos seguido do bravo Milio dos Bulls e de Cortón de Rio Miño, que se xogaros o segundo e terceiro chazo do podio nun desempate.

Podio de Bretoña: MILIO-MARIO-CORTON

    Fermosa loita a das donas con Vanesa de Castiñerio Milenario impoñéndose a unha das estrelas da tempada, (Alba de Troitas Bavas) e a tricampioa nacional Geni de Billardeiros Musicais (ámbalas duas empatadas a puntos).

    Mais unha volta os infantís Mateu e Diego (Madia Leva) ocuparon o dous primeiros chanzos do podio e ó terceiro subio moi merecidamente un dos palanadores mais cativos e futura gran estrela dos Troitas Bravas, o eléctrico e simpático Martin. Parabéns.

      Por equipos os ribadenses Billardeiros Musicais destacaron nesta xornada acortando puntos os lideres Troitas Bravas, segundos foron Rio Miño e terceiros Carabullo.

      Cos grandes tiradores que temos na liga (Charli, Sachas, Albino, Santi, Markitos entre outros), era moi extraño que ainda non se abrira o apartado de varados e hoxe finalmente se fixo o primiero, e sen dúbida tiña que caer do lado dalgún dos anteditos.

1º Varado da tempada  acadado por Markytos 

      Logo dun primeiro tiro que saiu bicando o varal pola parte de fora, o tricampión nacional Markytos foi quen de embocar o varal dun espectacular golpe.


      Houbo agasallos para os tres primeiros clasificados da xornada e bola de liscos para o mellor equipo. Rematando a xornada partillando tanto a empanada cuanto as freces para tódolos presentes.



A vindeira xornada agárdanos en Begonte o domingo 30 de este mes de marzo. Parabéns a todos e Billarda Sempre

2025/02/24

7ª xornada da LNB NorLeste. Castropol 23 de febreiro de 2025

Sachas confirma o seu liderato e gaña.

    O cambio de data por dúas voltass fixo extragos na participapción de moitos e notables palanadores que tiñan compromisos previos, subliñadamente dos Billarda Rio Miño, que non tivo ningun participante e Madia Leva, que so mandou a Mateu. Tamen os demas equipos en xeral se presentaron escasos de palanadores. ainda con tódolos atrancos foi unha moi emocionate e competida xornada.

Palandores no campo da Paloma de Castropol

    O Troita Brava Sachas comenzou forte e so cedeu dous puntos nunha carreira, co que se fixo gañador da xornada (con 23 puntos) e confirma ese gran momento de forma que atravesa camiñando firme cara o título da tempada.

Sachas, Trofeo ,Ostras e limón pa suavizalas.

    Felix e José María (dous Billardeiros Musicais) non lle andiveron moito a zaga, pois ambos fixeron 21 puntos e tiveron que loitar nun desempate polo segundo e terceiro chanzo do podio. José María hoxe aproveitou a oportunidade e foi mellor co seu compañeiro e daquela estrea podio na primeira tempada que participa. Felix xa que logo rematou terceiro


   En donas a gran Alba non tivo o día e foi Cris de Castiñeiro Milenario a millor, logo dun desempate con Pamela (Troitas Bravas) e a terceira foi Milagros (Carabullo).


   En infantís, Mateu (Madia Leva) non tivo atrancos para subir mais unha volta o podio como gañador e os  Troitiñas  Mateo e Martín acompañárono.

Billardeiros Musicais

   En equipos, estivo a cousa moi parella entre os dous primeiros da xeral e so por un punto (80 e 79) os Billardeiros Musicais superaron aos Troitas Bravas. Un pouso mais lonxe Carabullo (66) ocupou o terceiro posto.

  Fixo a entrega de agasallos D. J.Antonio Martínez Rodríguez (Antón), concelleiro de deportes de Castropol, que desta volta non puido participar xogando por mor dunha lesión. 

2025/02/20

9ª xornada da LNB NorLeste tempada 2024.25. Castro de Riberas do Lea 16.02

                                                 Charli, inmenso en Castro

     Despois de varias tempadas sin aberto de Liga, voltamos a Castro de Riberas do Lea, da man dos compañeiros de "Billarda Rio Miño ca disputa do "I Aberto do Miño" e non se podía pedir mellor retorno  xa que se bateu a marca de palanadores da tempada cun total de cento seis (70 homes, 22 donas e 14 cativos).

    Xuntámonos os nove equipos do Norleste, catro da liga Atlantica do NorOeste (Campo da Feira, Cochiqueiros, Filloas de sangue e Foucellas) e un das Rias Baixas ( Lua de Forza); en total quince compañeiros non habituais.

Viqueira do equipo Cochiqueiros de Cerceda acadou o 3º chazo do podio

   Perante toda a mañá acompañounos un choviscar miudiño e intermitente que nos  amolou abondo, impedindo que as puntuacións en xeral foran altas, nembargantes non foi quen de impedir que o aberto fora todo un éxito con dous xigantes disputándose o podio: Charli e Bonxe, con cadanseus 24 puntos, xogaron un desempate a dúas carreiras e dado que tamén empataron con un xogo para cada un, xogaron unha terceira que agora si caeu do lado do primeiro. O terceiro chanzo, con 21 puntos, foi para Viqueira (de Cochiqueiros de Cerceda).


       Cabe subliñar un momento expectacular e fortemente aplaudido polos presentes, que xamais viran tal cousa, un golpexo TRIPLE que rematou traspasando o varal e o artista que tal fixo, non foi outro que Morás de Madia Leva.

Morás en modo xenio.

      As donas tampouco destacaron hoxe pola puntuación e o podio quedou conformado por Irene (compañeira de Viqueira en Cochiqueiros)  que fixo trece puntos, seguiuna Alba  de Troitas Bravas con doce e Cris de Castiñeiro Milenario no terceiro caixón con 10 puntos.

    En infantis,  Mateo de Troitas Bravas, cada volta se asenta mais e xa é quen  de tutearse cas dúas estrelas de Madia Leva. Hoxe gañou por riba de Mateu; e Migui, do equipo anfitrión "Billarda Rio Miño" estivo tamén moi acertado a so un e dous puntos respectivamente dos anteriores.

Martín (no posto de Mateu) Mateo e Migui.

    Os “Carabullo” presentáron hoxe un equipo bastante completo e cos 24 puntos de Charli e os 20 de Santi, mais a axuda de Albino e Javi Morán, gañaron por equipos con cinco puntos por riba de “Billarda Rio Miño” e seis de “Troitas Bravas”.

    Ca entrega de agasallos os gañadores (a que se achegou o Sr. Alcalde, que nos felicitou e animou a seguir fomentando a billarda e ó que agradecemos a súa boa disposición para con nos), rematou esta xornada pasada por auga, agardando xa as vindeira  en Castropol o vindeiro domingo 23 e a de Bretoña o sábado 8 de marzo. Parabéns a todos e Billarda sempre!

2025/02/11

8ª Xornada LNB NorLeste, tempada 2024.25 Riotorto 9 de febreiro de 2025

CON AUGA OS TROITAS BRAVAS NON PERDOAN

    Por mor da choiva e o vento, tivemos que adiar por duas voltas o aberto de Castropol. O tempo concedéunos unha pequena trégola e voltamos ao choio en Riotorto nun domingo cuberto e chorón. 

    Antes de botar as billardas o ar, a tribu billardeira gardou un respetuoso minuto de silencio cos palán a terra, en recordo dun "home bo", amigo e inesquecible compañeiro billardeiro dende os comezos desta maravillosa tolura da billarda. Sempre estarás con nos Suso! Unha aperta e que a terra che sexa leve.

    A pingueira constante non impediu disputar esta xornada que rematou sendo un novo éxito de participación de palanadores.

    O lider Sachas comenzou moi forte nas dúas primeiras carreiras con Sandonguero, Muriego, Anthony e Xan Bagaría igualandoo cun pleno e moi perto deles Charli, Juanky, Regueiro, Félix, Seixas, Carlos (Castiñeiro), Daniel e Afonso.

       Logo fóronse igualando un pouco as forzas e non todos aguantaron o tirón, mais os Troitas Bravas impuxeron a sua lei e coparon os dous primeiros postos.
    Rematou a xornada con Regueiro (ausente nos derradeiros abertos) demostrando que segue a ser un puntal dos Troitas Bravas facéndose co primeiro posto con 23 puntos.                A so un punto del, empataron Daniel, Sachas, Sandonguero e Xan. Estos catro xogáronse o segundo e terceiro posto nun desempate que rematou con Sachas segundo e Xan terceiro
Pamela moi segura e certeira.
    O mesmo resultado en donas. As Troitas Pamela e Alba subiron o primeiro e segundo chanzo, deixando no terceiro posto a unha enorme Nedi de Casiñeiro que estrea podio. 
Nedi nun lance do xogo
    Madia Leva non ten rival en infantís, Mateu e Diego siguen mandando e repartindo entre eles o primeiro e segundo posto. Hoxe foi Mateu o primeiro e Diego segundo. O tercerio posto foi mais unha volta para  Antía.
         Temos que salientar a grande progresión dos cativos, que van entrando no xogo con verdadeira entrega e compromiso. O futuro está asegurado con estos fenómenos do palán.

     Como non podía ser doutro xeito, por equipos os Troitas Bravas gañan de novo e distáncianse na xeral xa a nove puntos dos segundos. Madia Leva e Billardeiros Musicais empataron no segundo posto.
Os Troitas cada volta mais Bravas
     Estupendos agasallos de productos da horta local, patrocinados polo Concello, foron entregados os gañadores así como un detalle para tódolos infantis.
         Castro de Riberas de Lea está xa a nos agardar para a seguinte xornada o domingo que ven día 16 de febreiro. Saúde e Billarda sempre!