2015/05/11

XI xornada da LNB NorLeste


VI Aberto “Coello de Suso”. Remourelle 9 maio  2015

Remourelle vistíuse de gala para agasallar os campions da LNB.

Un xantar de irmandade  na sede oficial da LNB, a Taberna de Lola de Remourelle, foi o pistoletazo de saída para disputar a derradeira carreira da tempada 2014/2015.
O reloxio marcaba pouco mais das dúas cando o arrecendo dos chourizos da casa, espallándose polas fiestras do comedor, chegaba ata os fuciños dos palanadores e nos empurraba cara a dentro, donde en amigable camaradería demos boa conta, un tras doutro, dos pratos que Lola nos tiña preparado. Un xantar como deus manda facendo honra o dito: O pan que sobre, a carne que baste e o viño que non falte. E deste xeito fartucos e contentos tiramos cara a pista para dar comezo a derradeira enganchada puntuabel que poñía fin a tempada.
Derradeira proba para que, os que ainda tiñan posibilidades de acadar un posto cara as finais nacionais de Santiago, o deran todo para subir algún chanzo na clasificación. Poucos foron nembargantes  os cambios, xa o peixe estaba vendido casi todo.
Pero antes do comezo dos enfrontamentos, os palanadores tiraron cos paláns e as billardas ao chan e facendo unha roda no medio da pista, gardaron un minuto de silencio en memoria do gran palanador do sur “Chupi” que finou inesperadamente fai uns días.
 NA LNB SEMPRE TERAS O TEU POSTO COMPAÑEIRO!  D.E.P.
A vida sigue e a LNB, ainda co corazón escachado en anacos, debe seguir adiante. Do sorteo previo as carreiras, sairon varios enfrontamentos directos entre palanadores dos dous equipos que mandan na táboa. Unha boa oportunidade para os da Terra Cha de gañarlles os todopoderosos “Billardeiros Musicais”, nembargantes nesta ocasión saíulles a cocha capada, “O Cadaval” viuse superado en tódalas carreiras agás nunha na que como mal menor Pepe Outeiro puido empatar con Miguel. Non foi a súa mellor xornada esta, pero siguen mantendo a segunda praza e  Pepe Vidal sigue a un gran nivel, so lle falta afinar nas finais, hoxe xogouna por terceira vez nas derradeiras catro xornadas e de novo viuse relegado a terceira praza sendo superado por Nacho e por Markytos.
Cinco palanadores tiñan pleno a falta de unha carreira, Juan e Guti perderon e quedaron no camiño deixando aos tres xogadores xa ditos en busca do podio da tarde.
Finalmente gañou Markytos de Billardeiros Musicais, que por quinta vez na tempada sube ao mais alto do podio. Iste é o seu ano! Campión Absoluto, e tamén Campión en varados.
Segundo foi Nacho de Extensión  Billarda, que estivo moi acertado e completou unha moi boa xornada. Terceiro como xa dixemos Pepe Vidal de O Cadaval.
Oubo tres varados na tarde, que ainda que non influen na xeral, si permiten a Peña e Adrian ter un posto fixo para Santiago, o terceiro conseguiuno Tonecho, que xa estaba clasificado.
E en equipos, “Billardeiros Musicais” de novo no mais alto. Gañaron a xornada e quedaron Campións da tempada.
Suso Villarino, escoltado por Flores, fixo entrega do trofeo na misma pista de xogo: O Coello para Markytos.
E baixamos para a Taberna de Lola donde nos agardaban os famosos torreznos dos que demos conta mentres agardábamos a entrega dos trofeos da tempada. En  tanto, os tres gañadores da xornada foron agasallados por Lola con cadanseu vale para duas comidas no seu establecemento, a consumir cando eles queiran.
Os trofeos para os campións da tempada, foi o concello de Ribadeo quen un ano mais nos los proporcionou e no seu nome D. Vicente Castro, concellal de deportes, tivo a xentileza de se achegar o acto de entrega e dirixirnos unhas palabras.
Campión da Tempada: Markytos.
Campión de varados: Markytos
Campiona da tempada: Geni
Equipo Campión: Billardeiros Musicais de Ribadeo.
No blogue estás subidas as clasificacións finais cos clasificados para as finais nacionais de Santiago do 31 de maio. Disporemos de bus para o traslado e todolos seleccionados deben confirmar asistencia xa que de producirse alguna baixa, sería cuberta polos seguintes na clasificación.
 

No hay comentarios: