2017/10/16

2ª xornada da LNB NorLeste 2017.18

                                               2ª xornada da LNB NorLeste. A Pontenova 14.10.17

Imos indo!
          Por si a tarde non estaba quente dabondo, o sábado en A Pontenova, ainda os fornos semellaban estar acesos ceibando garimosos e quentes aloumiños e a multicolor serpe da LNB, contaxiada pola pesarenta quentura do ar, non se daba espilida e perguiceira, reptaba paseniñamente cara as pistas de xogo.
          Nesta xornada botouse en falta un bo número de palanadores habituais (coincidencia coas eliminatorias de bolos, excursións, etc. conspiraron en contra da LNB), efecto que se viu diminuido pola achega de caras novas que agroman como os cogumelos no outono.
Equipo que Troitas Bravas presentou en A Pontenova
A tarde non convidada a moitos esforzos, mais os palanadores deron o mellor de sí e acadáronse un bo feixe de puntos. A loita dos equipos punteiros é moi parella.

          Os campións “Billardeiros Musicais” terman, botando man de todo seu carraxe e xogo, do acoso cada volta mais persistente dos equipos que loitan por chimpalos do primeiro posto. Nembargantes foron os dominadores da xornada superando a Carabullo por 3 puntos e a Chainzos-Cadaval e Troitas Bravas por 6 puntos.
A nivel individual, ocorre outro tanto, xa non vale facer moitos puntos, compre non errar e facer pleno ou achegarse moito ao pleno para aspirar a gañar o aberto. Si na xornada anterior, o gañador fixo 24 (de 25 posibles), nesta xornada esos mismos 24 puntos so deron acceso ao segundo posto que foi para Markytos de “Billardeiros Musicais” e tendo que recurrir ó desempate con dous palanadores, Cortón de ”Chainzos-Cadaval” e Charli de “Carabullo” con 23 puntos, que se disputaron un terceiro caixón, que ao remate foi para Cortón. O Campión da xornada foi un atinado Santi de “Carabullo” que acadou os 25 puntos para levarse a navalla do “VII aberto do Ferro”.
 Varados non houbo, magoa que nun par de ocasións ainda que as billardas superaron o varal, sairon por fora a rentes del.
Chinita fixo o seu debut cun excelente resultado

En donas, Paula de “Chainzos-Cadaval” está a ser un pesarelo para ata agora invencible “Billardeira Musical” Geni, á que supera novamente amiazando con relevala no seu prolongado reinado, terceira foi Bea de “Troitas Bravas”.
 En  infantís, brilou con luz propia José María de “Billardeiros Musicais” seguido de Manu Caldeiro de “Remourelle Bulls” e de Uxía de “Troitas Bravas”.
Os primeiros nas tres categorías (equipos, abosoluta e donas), foron agasallados con cadansua navalla do afamado artesán “Xose Rodil” para os segundos (absoluta e donas), un cestiño de castañas e para os terceiros igual, pero neste caso de noces. 
Rematamos cuns gustosos bizcoitos para tódolos presentes e lembrando que a vindeira xornada do sábado 21 non se xogará en Vian senón que será no campo de fútbol de Bretoña, e si chove, no pavillón que está a carón.

 

 

1 comentario:

Anónimo dijo...

No enlace videos de billarda (https://www.youtube.com/playlist?list=PLstNQlQ7Nbb1cQjjticLfaM4-QKzIMtkg)tedes un resumo da xornada.