2018/04/23

11ª xornada da LNB NorLeste 2017-2018


 
Markytos Campión na Ponte de Outeiro.
 
        Foi no campo da festa de Ponte de Outeiro, co aloumiño dun caudaloso e marmurante rio e nunha fermosa tarde de primaveira, a undécima xornada da LNB da conferencia NorLeste.
            Xa de mañanciña Pepe de Outeiro e Carlos Alvariño se puxeron mans a obra para ter a punto o churrasco co que “Casa Alvariño” quixo convidar a tódolos participantes neste penúltimo aberto da tempada e que resultou un completo éxito.
              Antes do xantar, en lembranza do noso desaparecido compañeiro “Pepe da Flor”, celebrouse unha misa no propio campo que foi seguida en respectuoso silencio polos presentes.

            Cincuenta e dous palanadores nos xuntamos para loitar e acadar os trofeos desta VIII edición do aberto “A terra non se vende”, na que como ben sendo costume, os anfitrións agasallaron a cada participante cunha árbore para prantar (nomeadamente castaños).
            Logo do xantar, sorteo de grupos e comezo do aberto nun chan traicioneiro polo esponxoso e que requiría da maior pericia dos palanadores para atacar a billarda. As puntuacións foron mais ben baixas, agás honrosas excepcións que superaron os vinte puntos. Destacaron uns moi regulares Regueiro e Manu Pozo con candanseus 22 que lles permitiu acadar o segundo e terceiro posto.E como gañador absoluto do aberto, o actual campión nacional Markytos non deu chance e fixo un moi meritorio pleno de 25 puntos.
Non houbo varados na xornada, ainda que sí algunha billarda sobrepasou a liña de fondo mais por fora
           En donas destacaron Lola Eiras, Geni e Bea e por equipos, os Billardeiros Musicais xa repostos do fiasco da derradeira xornada en Mosteiro, voltaron o mais alto, secundados por Troitas Bravas e por Chainzos-Cadaval.
Fantástica xornada billardeira a vivida o sábado na Ponte de Outeiro. Xeral agradecemento a organización e subliñadamente a “Casa Alvariño” pola convidada. Parabéns e graciñas a toda esa boa xente.
          Vendo a clasificación e a falta so de unha xornada, tódolos postos parecen decididos; en varados é donde pode haber algunha movida, pois Remourelle e zoa propicia para os especialistas en tiros directos.
          Antes da cita de Remourelle, temos a disputa do Xerro do Salnés en Xil (Meaño) que será o vindeiro sábado 28. A saída do bús dende a estación de buses de Ribadeo as 8 da maña. Animádevos a pasar una xornada para lembrar. Saúde e billarda sempre!


 

No hay comentarios: