2018/03/28

10ª xornada da LNB NorLeste 2017.2018


 Mosteiro 24 marzo 2018
                      Nin os elementos puideron con Charli, virtual Campión da tempada.

        Celebrouse o sábado a décima xornada da liga regular da conferencia NorLeste. Foi na, sempre fermosa e nesta ocasión enchoupada, carballeira de Mosteiro, onde so a afouteza e o atrevemento desta raza de xente que compoñen a multicolor serpe da LNB, foi quen de sacar adiante unha xornada en condicións tan adversas. O frío, a choiva e o vento non foron quen de botar atrás a estes arroutados do palán.
Non cabe dúbida de que a influencia de “Hugo” condicionou o rendemento dos xogadores e mais de un bicou o chan mol tentando pillar unha billarda que, lonxe de seguir a traxectoria que o palanador desexaba, tomaba vida propia e brincaba por onde lle petaba.
Nun escenario tan esixente, puntuar en cada carreira era empresa de titáns e so catro dos mais de medio cento de palanadores que se deron cita, acadaron unha puntuación por riba dos vinte puntos. Foron estos: Charli dos Carabullo de Ponte de Outeiro, que con vintecatro dos vintecinco puntos en xogo, gañou o aberto con todo merecemento e casi definitivamente (a falta so de dúas xornadas) se fai co campionato da conferencia.
Segundo foi Regueiro de Troitas Bravas da Pontenova, moi seguro toda a tarde. Acadou vintedous puntos, que lle permiten subir a terceira plaza da xeral e terceiros con vinteún puntos foron o Billardeiro Musical Manolo Pozo e Pepe de Outeiro dos Chainzo-Cadaval.
Houbo un varado na xornada, acadado por Angel de Billarda Verde (Castro Verde).
As donas non foron axenas as dificultades e tiveron que redobrar esforzos para batérense contra os elementos. Destacaron por riba das outras, Geni de Billardeiros Musicais, que xa posúe o título de campiona da tempada (non matematicamente, pero con trinta e sete puntos de vantaxe nun ten quen lle tusa). Segunda foi Paula e terceira Lorena, ámbalas dúas de Chainzos-Cadaval.
En equipos, hoxe os gañadores foron, Chainzos-Cadaval, seguidos de Carabaullo e Troitas Bravas (con mesmos puntos os dous).
 
A data de hoxe ben merece ser enmarcada en bermello no calendario da LNB, poisque nin os mais vellos do lugar acordan unha xornada na que os líderes Billardeiros Musicais non rematasen no podio. A Carballeira de Mosteiro dictou sentencia e deu fé: Billardeiros Musicais son humáns e pódeselles gañar.
Ainda que o tempo foi cativo, alomenos os trofeos foron merecedores do esforzo realizado. Astesanais figuriñas saídas das artísticas mans de Manu de Polka, puxeron un sorriso nas sufridas caras dos esforzados palanadores.
A penúltima xornada xogarase na Ponte de Outeiro o 21 do vindeiro mes de abril.

Se queres probar, ainda estás a tempo. Non te arrepentirás. Saúde e billarda sempre!

No hay comentarios: