2024/01/15

6ª xornada da LNB NorLeste. Bretoña 13 xaneiro 2024

V ABERTO DAS FRECES

                                  (Veu de lonxe para gañar as Freces, foi Bonxe)

 Todo facía pensar que a xornada billardeira en Bretoña iba estar pasada por auga, nembargantes semella que o tempo gosta da billarda e ten unha querencia especial ca LNB. Como ven acontecendo en tódolos abertos ata o momento, deunos unha trégola e deixounos disfrutar d’unha boa e moi competida xornada billardeira.

Mais unha volta o multidisciplinar artista Muriego, presentou un “Murimarcador” espectacular para a ocasión, incluíndo unhas pinceladas históricas sobre Bretoña e o Bispo Maeloc, que xa de por si convidaban a acudir a cita billardeira.





Ainda que o estado do campo da festa non era o mais axeitado (a choiva deixouno bastante mol, embarrado por parroquias e irregular), xuntámonos 71 palanadores (46 homes 17 donas e 8 cativos) dispostos a loitar deportivamente e catar as saborosas freces que nos agardaban o remate da xornada.

O nivel dos palanadores cada volta e mais alto e non é doado gañar unha xornada, todos teñen opción a pouco que o sorteo dos grupos lles sexa minimamente favorable e teñan un bo día. Aí están os resultados. Nas seis xornadas que levamos so Charli foi quen de repetir no mais alto do podio.

Hoxe a loita estivo entre Bonxe e Seixas que acadaron cadanseus vintecatro puntos, sendo Bonxe quen tivo mais acertado no desempate. Sachas con vintedous puntos foi terceiro. Ben é certo que co terreo de hoxe, acadar vinte ou mais puntos non era doado e así quedou reflexado nas puntuacións finais.


 En equipos, semella que os Troitas Bravas (segundos hoxe) co seu poderoso e nutrido exército teñen vantaxe, mais os Billardeiros Musicais non se agochan e siguen erre que erre dando batalla. Hoxe os ribadenses gañaron e son segundos na xeral a so dous puntos. Terceiros foron Billarda Rio Miño, un equipo que vai subindo na táboa paseniño pero sin pausa, a victoria de Bonxe deulles un bo empurrón e xa superan a Carabullo tendo a Madia Leva a so dous puntos.

As repetidas ausencias de palanadores de Carabullo fanlles moito dano e merman enormemente as posibilidades deste gran equipo que estando ao completo é dos mellores e capaz de gañarlle a calquera.

Madia Leva van terceiros con todo merecemento. Teñen  un gran potencial para o un futuro moi próximo. Contan con veterania e xuventude moi talentosa para aspirar a todo.


 Quedan algo mais lonxe, Castiñeiro Milenario, Remourelle Bulls e Billarda Verde, non é porque non sexan tan bos como os que van diante (calquera dos tres teñen algún  podio individual), mais ben porque contan con poucos efectivos, pero sempre dan a cara e teñen talento a esgalla. Podemos e estamos moi fachendosos da calidade de tódolos palanadores da LNB NorLeste.

Tamen temos que sobresair que contamos cun plantel de donas impresionante, poden e de feito compiten o mesmo nivel que os homes. Sara (Billarda verde) quedou primeira con dezanove puntos, despois Cris (Castiñeiro Milenario) con dezasete e Milagros (Carabullo) con  catorce.

E por suposto a categoría infantil non se queda atrás co dominio absoluto de Madia Leva. Diego e Mateu son os dous que comandan os podios con Alba e Antía (Troitas Bravas) turnándose en acompañalos.

Unha nova xornada billardeira de lecer donde priman o deporte o bo rollo e a amizade. Parabéns polas saborosas freces e polos agasallos os campións da xornada.

Para a vindeira xornada cruzamos fronteira ata os campos da Paloma en Castropol, será o domingo 28 deste frío xaneiro. Saúde e billarda sempre!

No hay comentarios: