2019/12/19

6ª xorrnada da LNB NorLeste.


6ª xornada da LNB NorLeste. Ribadeo 15.12.19

Billardeiros Musicais Campións de inverno
Por estas datas o ano pasado comentábamos: “Por mor do cativo tempo a sexta xornada da LNB NorLeste correspondete o “XII Aberto do Galo” que se iba disputar no campo de fútbol da Faxarda, tivo que trasladarse para o pavillón cuberto de San Miguel”.
Un ano despois a situación é a mesma e para disputar o “XIII aberto do galo” tamén tivemos que botar man do noso “comodín”, o pavillón de San Miguel.
Martín, pétalle a billarda con estilo e precisión
 Cabe subliñar, e nos enche de fachenda o facelo, que nesta data se estableceu a maior marca de participación na conferencia NorLeste acadando un rexistro de setenta e sete participantes, cincoenta e seis homes e vinteunha donas (entre eles sete infantís de sete a doce anos), o que fixo que a xornada matinal se prolongara un pouquiño mais do normal.
Un arranque estelar de Charli que acadou un espectacular varado, facía prever unha extraordinaria xornada como así resultou, ainda que varados, ca nova normativa de non tocar chan, non se conseguiron mais que este en toda a mañá. Despois ó zurdo d'ouro dos Carabullo, entroulle a páxara e perdeu o liderato en favor de Regueiro.
Muriego non atinava hoxe.
Despois da seguridade amosada en Nadela, hoxe Muriego non daba atinado, comezou mal e rematou do mesmo xeito. Xornada para esquecer a do artista tapiego.
 Conforme corrían as carreiras moitos palanadores iban minguando as opcións a facer podio e so catro aguantaron o tipo ata o final: Basilio e Regueiro con 22 puntos e por riba destos Albino e Daniel con 23.
Regueiro queda fora do podio mais acada o liderato
Para o terceiro posto, Regueiro (que ca actuación de hoxe sumada o tropezo de Charli acada o primeiro posto na xeral individual) viuse superado por un moi acertado Basilio (unha das derradeiras fichaxes dos Billardeiros Musicais), que o deixou fora do podio.
David Navallo tardou en atopar o seu bo xogo
Na disputa do primeiro e segundo postos, Albino abriu fogo cunha billarda que saiu a rentes do varal, vantaxe que Daniel soupo aproveitar facéndose ca primeira carreira. Na segunda, a saída de Daniel foi cun tiro que foi dereitiño a traspasar o varal e deixou a Albino sin ningunha opción de réplica polo que o Coroceiro acaba gañando a derradeira xornada deste ano.
Paula aférrase o liderato de donas
Boa xornada en xeral para as donas con puntuacións altas, sobresaindo un pouco mais Geni que acadou a maior puntuación delas seguida de perto por Paula e por Vivi.
Marcos, outro infantil con futuro
 En infantís, salientar que cada volta son mais os que se animan a xogar. Nesta xornada mañaneira sobresairon os “Troitas Bravas” Martín e Marcos seguidos da musical billardeira Aroa.
Troitas Bravas gañan posicións
 En equipos as diferencias foron pequenas, gañaron os Billardeiros Musicais con 83 puntos e se converten en Campións de inverno (titulo que para nada vale..., pero dache un aquel), segundo foron Troitas Bravas con 82 puntos e terceiros Carabullo e Chainzos-Cadaval, ámbolos dous con 78 puntos.
Estos catro equipos son os que loitan pola clasificación para as finais de Santiago. So poden ir tres e calquera destes catro ten potencial dabondo para acadar plaza. De momento ninguen ten nada seguro polo que a loita vai ser feroz ata final de tempada. Sorte para todos e que gañe o mellor.
Como agasallos para o Campión foron o galo e un lote de productos de Nadal. O segundo e terceiro así como o equipo da xornada, recibiron tamén sendos lotes surtidos de productos do Nadal.
A liga regular fai un receso ata pasadas estas Festas. Voltaremos despois de Reis no Aberto da Pita de Mos en Castro de Riberas de Lea. BO NADAL a todos e Billarda sempre!

No hay comentarios: