2023/04/24

11ª xornada da LNB NorLeste. Tempada 2022.2023

 11ª xornada da LNB NorLeste. Bretoña 6 abril 2022

IV ABERTO DAS FRECES

      Fantástica tarde de sol no campo da festa de Bretoña para gozar d’unha nova xornada billardeira na que se xuntaron 82 palanadores (52 homes, 16 donas e 13 cativos), que remataron a xornada gostando as típicas freces cas que un ano mais Milagros e súa nai agasallaron a tódolos que acudiron a cita. Graciñas, estaban moi boas!

     Terreo irregular e con anacos abondo esponxosos por mor do musgo ó que non tódolos palanadores se deron adaptado.


     Non foi o caso de Xosé Manuel (Castiñeiro Milenario) que carreira tras carreira foi quen de atinar co varal sin precisar de mais de dous ou tres golpes por carreira, o que o levou a estrearse por primeira vez como campión da xornada con pleno de puntos (25). Noé (Troitas Bravas) e Manu Pozo (Billardeiros Musicais), loitaron polo segundo e terceiro chanzo do podio, quedando nese mismo orden.


     Castiñeiro Milenario atinou tamén en clave femenina con estrea de campioa, foi  Vanesa quen dominou seguida de Aroa (Billardeiros Musicais) e da infantil Antía (Troitas Bravas).


    A categoría infantil dominouna Troitas Bravas con Antía, Alba e Martín Sandonguero ocupando as tres plazas do podio.


     Por equipos a cousa está moi reñida, desta volta foron os Billardeiros Musicais os que se impuxeron a Troitas Bravas e Carabullo.

    Houbo dous “Varados” na xornada (meter a billarda no varal dun so golpe). O primeiro acadouno Manu Caldeiro que xa leva tres na tempada e o segundo foi do mago de Castropol David Navallo.

    Os agasallos os gañadores consistiron nunhas tallas en madeira acompañadas de sendas empanadas de liscos para os tres do podio e para o equipo da xornada.

    A vindeira xornada de Ponte de Outeiro, xógase o sábado 22 de abril no campo de fútbol de Muimenta. Saúde e billarda sempre!

No hay comentarios: