2025/11/12

2ª xornada da LNB NorLeste. 9-11-2025

                 Markytos e os Billardeiros Musicais, no máis alto!

    Celebramos o 2º Aberto dos Canteiros —segunda xornada da LNB NorLeste—  o pasado 9 de novembro en Penas de Rodas, no campo de fútbol de Gaioso, que acolleu con agarimo aos 72 palanadores participantes (53 homes, 16 donas e 3 cativos). 

    

    A mañá comezou con frío e humidade a eito, mais o tempo foi mellorando ata regalarnos unha fermosa xornada coa aparición de Lorenzo incluída.

Trofeos que preparou o equipo "Rachaventos" como organizador.

    Como xa se puido comprobar na primeira cita, as puntuacións deste ano están a ser máis axustadas por mor do novo sistema de límite de golpes. 

    A falta dunha carreira, tres palanadores mantiñan opcións de vitoria: Markytos (19 puntos), Toño (17) e Gundar (15). Finalmente, o mariñán errou e sumou un cero, Toño engadiu 3 puntos e Gundar 5, o que fixo virar por completo o podio. Nun emocionante desempate con Toño, Gundar ("o trasno de Madia Leva") proclamouse campión do Aberto.

    

    Na categoría de donas, produciuse un triplo empate entre Cris, Geni e Sara, que recibiron unha camisola de agasallo.

   

 Entre os infantís, desta volta so participaron tres: Mateo, Martín e Andrea, que ocuparon o podio por esa mesma orde. Os dous irmáns de Troitas, este ano van ser candidatos en tódolos abertos, contando tamén ca súa compañeira de equipo Antía (que hoxe estivo ausente).


    En equipos, os Billardeiros Musicais recuncaron como campións en Penas de Rodas, por diante de Troitas Bravas e Madia Leva.


    A entrega de agasallos tivo lugar a carón das
míticas e xigantescas pedras circulares —as Rodas—, que servíronnos de marabilloso fondo para as fotos de rigor e donde a organización tivo o fermoso detalle de entregar a "Billarda de pedra" (feita adrede para a ocasión por un canteiro), a unha das figuras mais simpáticas e animadoras das xornadas billardeiras, que está sempre armando festa entre ou non entre a billarda no varal. BRAVA JUNCAL. NON CAMBIES NUNCA.


        Parabéns á organización e a toda a tribo billardeira por outra xornada inesquecible, chea de emoción e confraternidade.

Vémonos o vindeiro domingo 23 en Lugo. ¡Billarda sempre, e adiante co varal!

No hay comentarios:

Publicar un comentario