2026/01/24

5ª Xornada d LNB NorLeste. Ribadeo 18-01-2026

                                                        TROITAS BRAVAS A TODO TRAPO

     O domingo 25 de xaneiro non foi día para señoritos: Xogamos no campo de Outeiro o "XIV Aberto Vila de Ribadeo" (antes Aberto do Galo). Campo enlamado, billardas pesadas e unha chuvia persistente que puxo a proba tanto a puntería como o ánimo. A billarda, xa se sabe, gústalle o barro e ese día tiña de sobra.


        O terreo presentábase bravo, con máis lama ca herba, e cada lanzamento era unha pequena batalla. A choiva acompañou case todo o encontro, aínda que, nun xesto de xustiza billardeira, deunos tregua xusto ao rematar. Grazas a iso puidemos gozar dos xa imprescindibles pinchos, en perfecta harmonía e bo ambiente.


      No plano deportivo, Os Troitas Bravas estiveron intratables e confirmaron que chegaban con fame atrasada. A vitoria individual resolveuse nun emocionante desempate entre Navallo e Tonho, no que Navallo acabou levando o triunfo. Juanki completou o podio cun sólido terceiro posto.


     Na categoría de Donas, a igualdade foi protagonista: Cris e Aroa mantiveron un alto nivel durante toda a xornada, mentres que a terceira praza quedou compartida por Nedi e Vanesa, demostrando que a lama tamén entende de empates.


       Nos Infantis, o futuro da billarda deixou moi boas sensacións, con Mateo, outro Mateo chegado de Lugo e Alejandra ocupando o podio e amosando que a canteira vén forte.


     En equipos, o dominio foi claro: Troitas Bravas fixéronse coa primeira praza, seguidos de Billardeiros Musicais e Madia Leva, completando un podio de moito nivel.


    Unha xornada pasada por auga, chea de bo xogo, compañeirismo e retranca, desas que fan historia… e que se lembran mellor cando xa se secaron os pés e se puido xogar un terceiro tempo co sol querendo facer acto de presencia e acariñar  os sufrido palanadores. En fin  vémonos na seguinte en Castropol o vindeiro domingo  día 25. Billarda sempre e adiante co Varal!

No hay comentarios:

Publicar un comentario