2019/01/26

7ª xornada da LNB NorLeste. Tempada 2018.19

                                       Castro de Riberas de Lea 12 xaneiro 2019
Daniel ou o rexurdir do Asterix da billarda
No vello campo de fútbol de Castro de Riberas de Lea, disputouse a 7ª xornada da LNB  da conferencia NorLeste, que foi o “IX aberto da Pita de Mos”.
Lorenzo acompañounos nunha tarde excelente, menos fría do que se agardaba e so  algunha pequena rachiña de vento amolaba un pouco os mais de medio cento de palanadores que se achegaron en busca das afamadas galiñas de Mos.
Xogar en herba non é doado, nembargantes, o chan ben segado atopábase en perfectas condicions e naide presaxiaba unha xornada tan cativeira en puntuacións. So cinco palanadores acadaron 20 ou mais puntos, o resto quedaron moi por baixo do seu normal rendemento.
 No medio desa xeral debacle, xurdiu a figura dun dos mais veteráns palanadores da LNB que en non poucas ocasións ten bicado os laureles da fama e acadado importantes podios no mundo billardeiro. Habitual nos primeiros postos, Daniel (o “Axterix” da Billarda) deu todo un recital de habilidade e destreza no xogo conseguindo un pleno de 25 puntos, que o fixeron sair como gañador da xornada e dar un chimpo ata o primeiro posto da xeral.

Soamente Regueiro, segundo con 23 puntos e Pepe de Outeiro, terceiro con 22 p. foron quen de seguir de perto o ronsel do ribadense Billardeiro Musical. 
Por parte das donas, aguantaron o tipo Geni e Paula que siguen por ese orden ao fronte da clasificación ainda que hoxe, Lola Eiras foi a mellor. Esta palanadora de raza ten a desventaxa de faltar a moitos abertos, o que la alonxa de estar nos primeiros postos. Calidade ten de sobra para loitar cas mellores.
           
En equipos, Troitas Bravas iguala a Carabullo e supérao por mellor puntuación individual. Un desexado triunfo longamente buscado perante toda a tempada que finalmente consiguen. Terceiro equipo foi Billardeiros Musicais.
Non estaba o día hoxe para varados, os especialistas tentárono mais sin éxito, so un fenomenal golpe de Markytos levou a billarda a rentes do varal mais, que magoa, botouse pola parte de fora.
Rematada a xornada, acompañando a Mario do clube de bolos “O Cadaval”, estivo D. Francisco Balado, alcalde de Castro de Rei, que fixo entrega dos agasallos aos gañadores:
Galiña de Mos para  1º Daniel de Billardeiros Musicais, 2º Regueiro de Troitas Bravas,1º palanador local Pepe de Outeiro de Chainzos-Cadaval (coincide co terceiro posto), 1ª dona Lola Eiras de Polka Miseria.
Dúas duceas de ovos para 1º equipo Troitas Bravas de A ponteneova e unha dúcea de ovos  para o 2º equipo Carabullo de Ponte de Outeiro. 
A vindeira xornada será o domingo 3 de febreiro no aberto do lacón de Meira. Parabéns e billarda sempre.



 

No hay comentarios: