2019/09/18

1ª xornada da LNB NorLeste 2019.2020


Castroverde 15.09.19
 
                                         Albino recunca como “Rey das Noces”!

Como aperitivo da gran tempada billardeira que se aveciña, en Remourelle tivemos un acto de recordo a dous bravos palanadores. Un puñado de amigos e familiares nos demos cita para homenxear a Calvete e a Jorge Galdo.
             
 Un minuto de silencio cos paláns guindados no chan e unhas cantas carreiras serviron para lembrar a estes dous grandes amigos e compañeiros que sempre estarán con nos!
 O abertiño estivo competido e ainda que neste caso o resultado era o de menos, compre sinalar que o podio foi copado polos representantes dos Billardeiros Musicais. Primeiro Paco Tejero, segundo Miguel e terceiro Félix 
         Rematamos o acto ca torreznada de rigor en Casa Lola e facendo entrega duns agasallos as viuvas dos homenaxeados e a madre de Jorge.
         
         E xa o domingo de mañanciña, a serpe multicolor da LNB ponse en marcha para dar comezo a liga regular no campo de fútbol de Castroverde, co ánimo de comenzar con bo pe a tempada. Disque a quen madruga Deus lle axuda e daquela...
          Son oito equipos que compiten esta tempada, aos xa veteráns “Billarda Verde” de Castroverde, os que se xunguen os superviventes de “Polka Miseria” (que desaparece), “Billardeiros Musicais” de Ribadeo, “Carabullo” de Ponte de Outeiro, “Chainzos-Cadaval” de Castro de Rei, “Remourelle Bulls” de Remourelle, e “Troitas Bravas” de A Pontenova, reengánchase os lucenses “Madia Leva” e os debutantes “Castiñeiro Milenario” de Begonte.
          Na primeira xornada sempre hai baixas, malia a eso, a afluencia foi masiva con sesenta e un palanadores da conferencia nai e dez das outras dúas conferencias (tres das Rias Baixas e sete da NorOeste) e unha quincena de debutantes neste xogo-deporte no que paseniño vai agromando tamén a presencia de cativos. 
          O sempre difícil campo de fútbol de Castroverde, fixo que as puntuacións non foran todo o xenerosas que se agardaban, só chegaron ou superaron os vinte puntos sete xogadores entre eles Albino de Carabullo, que tivo que desempatar con Sachas para proclamarse campión do aberto por segundo ano consecutivo. O troita brava foi segundo e Juan Carlos de “Campo da Feira” de Paiosaco foi terceiro.
Por equipos, os mismos tres do ano pasado repiten podio pero con cambio de líder. Este ano foi Troitas Bravas quen gañou con 72 puntos, segundo posto para Chainzos-Cadaval con 70 puntos e terceiros Billardeiros Musicais con 68 puntos.
             
En donas, a tricampioa nacional Geni (16 puntos) sigue co seu absoluto dominio ainda que Sara (15 puntos) comeza moi forte esta tempada e ten gañas de se consolidar como firme candidata o trunfo final, terceira foi a campioa do NorOeste Merche (14 puntos) do equipo APB Santa Marta.
Sentímonos moi ledos de que a billarda siga medrando e que cada volta mais e mais xente se una a este proxecto. Todos temos cabida, nenos e maiores, pero isto tamen leva consigo unha maior esixencia e compromiso por parte de todos xa que tamén cada vez somos mais competitivos.
 As veces xurden pequenos malentendidos ou situacións incómodas que sin chegar a ser un problema, si que producen algún malestar. Para tentar de evitalo de aquí en diante haberá que seguir o regulamento mais polo miudo.
  Temos que pensar que isto non é algo que levan cinco ou seis persoas soamente.
A billarda é de todos e TODOS temos que participar. Hai que montar pistas, facer sorteo de grupos e sobretodo arbitrar as carreiras.
Na xuntanza de Mondoñedo acordouse que cada equipo tivera disponibles un mínimo de catro persoas para arbitrar e facer de xuices de varal. En Castroverde xa puidemos ver que isto non sucedeu e temos que remédialo agora que comeza a tempada. Nun se pode cargar todo peso sempre nas mismas cinco ou seis persoas.
 Logo de falalo alí mismo o remate do aberto, decidiuse facer caso dunha suxestión que alguén fixo e consiste en que como os grupos fanse por sorteo, os cinco primeiros de cada grupo serán os encargados de arbitrar as carreiras do outro grupo do seu campo (agás os cativos que quedan exentos de arbitrar). Si so hai dous campos, repartiranse como eles mismos decidan. Os cinco seguintes faran de xuice  de varal.
 Agardamos que con esta medida quede solucionado o tema e que os abertos sexan mais áxiles e dinámicos. Veña que SI SE PODE!
Iván Alonso en representación de A.C. “Chave das Noces”, fixo entrega dos agasallos aos gañadores rematando a xornada mañanceira con uns tirando para casa e outros para a carballeira a dar conta do pulpo a feira.
O vindeiro sábado 21 será o Festival “Son Labrego” en Montecubeiro con aberto de billarda incluido e xa o seguinte día 28, a segunda xornada de liga regular en A Pontenova.



Aló nos vemos! Billarda sempre!

No hay comentarios: