2024/04/21

11ª xornada da LNB NorLeste. Ponte de Outeiro (xogouse en Muimenta) 20.04.2024

           AINDA CO VENTO TIRABA PATRÁS, EN MUIMENTA GAÑOU MORAS.

    A xornada do sábado en Muimenta podemos decir sin dúbida que foi a mais dificil da tempada para xogar a billarda, si deixamos fora a tolemia de Riotorto claro.

    O sol lucía, mais un nordés de noites de inverno que estivo con nos toda a tarde non lle deixou quentar. Algún atrevido comezou a xogar en camiseta pero mais axina que tarde se puxo roupa de abrigo para poder aguantar o frio e racheado vento.

  Nembargantes, a serpe multicolor da LNB no canto de arredarse, foi enchendo o campo de xente ata bater a marca da tempada con noventa e dous palanadores (sesenta e un homes, vinteunha donas e dez cativos).

    Como cabe supoñer, moitas voltas os paláns buscaban a billarda no ar, mais por mor do vento nona atopaban cando querían golpeala e polo tanto as puntuacións no foron as que cabía agardar. So dez dos  palanadores acadaron vinte ou mais puntos.

     Morás (Madia Leva) foi quen mais atinou e acadou vintetrés puntos. A un so punto quedou Tejero (Billardeiros Musicais) e catro valentes tiveron que desempatar para ocupar o terceiro caixón do podio. Manu Pozo (Billardeiros Musicais) non tivo nada que facer contra tres  mosqueteros dos Troitas Bravas, Regueiro, Sadonguero e David Navallo, sendo o "mago de Castropol" o mais acertado no envite. 

    En donas dominaron as mariñáns billardeiras Geni e Dori empatadas a puntos seguidas por Delia do equipo Billarda Rio Miño.

    Unha volta mais os infantís Diego e Mateu (Madia Leva), foron os mellores superando a Alba dos Troitas Bravas e o resto de participantes sin atranco algún.

     E como xa ven sendo cuasi normal a victoria por equipos foi para o "cardume" de Troitas Bravas de A Pontenova con oitenta e tres puntos, por diante de Billardeiros Musicais e Madia Leva, ámbolos dous con setenta e cinco puntos. 
     Os gañadores foron agasallados con sendos árbores frutais o mesmo que ó equipo da xornada.
     E xa rematando a tempada o vindeiro sábado once de maio teremo-la derradeira xornada do "Coello de Suso" en Remourelle (disque este ano o coello vai ser conxelado, iremos vendo).

  



No hay comentarios: