2022/04/10

Charli gaña en Bretoña e ponse primeiro

 8ª xornada da LNB NorLeste. Bretoña 6 abril 2022

III ABERTO DAS FRECES

      Pode decirse con seguridade que Bretoña foi xerme para que un puñado de arroutados levaran adiante a creación da LNB. Un pequeno proxecto que hoxe en día segue acadando cotas de participación que daquela naide se atrevía a imaxinar.

     Logo de unhos anos de ausencia, hoxe de novamente, as billardas voaron ledas cruzando os azuis ceos da anterga Britonia.


     No campo da festa e nunha tarde de sol expléndida, acudiron a chamada das gorentosas freces (cas que a organización agasallou os participantes ao remate do aberto),  setenta e un palanadores (48 homes, 15 donas e 8 cativos).

    O chan por mor das pasadas choivas, mantíñase algo mol por zonas e noutras o musgo facía traballoso asentar ben as billardas o que se traduxo en puntuaciòns non demasiado altas. So sete palanadores acadaron ou superaron os vinte puntos. Entre estos ousados están os gañadores da xornada. Charli de Carabullo gañou o desempate a Xan Bagaria de Madia Leva (os dous con 23 puntos) e terceiro  con 22 puntos, Muriego de Remourelle Bulls .

Milagros estréase no podio

        En donas luciuse Milagros de Carabullo, que estrea podio, seguírona Dori e Aroa, compañeiras de Billardeiros Musicais.

Flores agasallando os cativos participantes

    Mateu de Madia Leva, dominou a categoría infantil e nada menos que con 20 puntos, tras del clasificáronse Aroa e Diego.

Carabullo gañou empatado a puntos con Billardeiros Musicais e Troitas Bravas

    En equipos por primeira vez, deuse un triple empate na cabeza o que dí ben as claras a igualdade que reina entre os tres primeiros da clasificación. Tocoulle gañar a Carbullo dado que un dos seus xogadores, Charli, foi quen acadou a maior puntuación e así o establece o regulamento de xogo.

Chousa acadou o segundo varado da tempada.

    Salientar que se acadou o segundo varado da tempada e non foi outro que o grande Chousa. Javi Morán temén o tentou mais errou a punteria e mandou a billarda a rentes do varal nun par de ocasións.

Podio de hoxe: Bagaria 2º, Charli 1º e Muriego 3º

    Co triunfo de  hoxe, Charli da un brinco do quinto o primeiro posto da xeral, na que os cinco primeiros seguen a se intercambiar os postos constantemente. Quedan tan so dúas xornada para rematar a tempada e so a categoría de donas e a de infantís semellan estar case decididas. Agárdanos un final de tempada de infarto.

Isma fíxoo ben repartindo freces, mais no xogo estivo algo ausente.

    Rematouse a xornada ca entrega de agasallos os gañadores e ca proba por tódolos pesentes das típicas lamboadas da zona, as FRECES acompañados da música de gaitas.

    A vindeira xornada de Ponte de Outeiro, xógase o sábado 16 no campo de fútbol de Muimenta. Saúde e billarda sempre!

 

No hay comentarios: