2026/04/13

10ª xornada da LNB NorLeste. Riotorto 12 de abril de 2026

                                                  OS  BILLARDEIROS  MUSICAIS  MOI BEN  AFINADOS 

       En Riotorto vivíuse unha batalla épica pola gloria billardeira, con 56 heroes (e heroínas) armados de paláns e moito orgullo. O tempo frío non deu tregua e a choiva, educada ela, decidiu aparecer só ao final, como quen chega á festa para facer o photocall da entrega de premios.

       No duelo principal, Morás e Marcos deron golpes á billarda como se lles fose o alugueiro nese pau. Tras tres empates que fixeron suar ata o varal, Morás levou o gato (ou a billarda) á auga. O bronce foi cousa de veteranos teimudos, e Santi acabou levando o posto con máis suspense ca unha serie da TVG desvancando a Daniel e mais a Carlos.


        Nas donas, Dori proclamouse raíña do varal tras un desempate digno de final olímpica, gañando a Vanesa e terceira foi Milagros.


        Nos infantís, Mateo —o irreductible— pasou por riba da competencia con máis autoridade ca o profe cando manda calar, seguírono o outro Mateo e mais o gladiador Martín.


        Por equipos, os Billardeiros Musicais afináronse mellor que nunca e ainda con algunha disonacia, interpretaron unha moi boa sinfonía. Gañaron por diante dos Troitas Bravas e Madia Leva, que prometeron voltar con mais gañas e as billardas afiadas.


        Agora todos miran cara Ponte de Outeiro, onde a seguinte xornada promete máis golpes, máis emoción… e seguro que algunha choiva “bautismal” máis. Billarda sempre, e adiante co Varal!

No hay comentarios:

Publicar un comentario