2026/05/10

XII xornada da LNB NorLeste. Remourelle 9 de maio de 2026

                               NAVALLO CAMPION DA TEMPADA 2025.2026 

     En Remourelle pechouse a tempada billardeira o sábado 9 de maio co "XVI Aberto do Coello de Suso"  nunha tarde completa: primeiro calor, despois auga e ao final frío… só faltou neve e xa tiñamos as catro estacións nunha mesma partida. 

     Como xa se sabía, o peixe estaba máis vendido ca as entradas dun concerto gratis, e así foi: Sachas chegou inspirado e soltou dous “Varados” que deixaron á competencia mirando para Cuenca, proclamándose campión da tempada. 

    O líder sabía que tiña abonda fariña vella no costal e foi tranquilo, sen despeitearse, mentres Markytos intentou meterlle presión a Gundar e o conseguiu… empataron a puntos no segundo posto, mais o regulamento e claro e por maior número de xornadas gañadas (viva o regulamento berrou gundar!) o do mandilón de capador gañou o segundo posto da xeral e xa que logo o tamborileiro quedou redobrando no terceiro posto e coa sensación de “case”.

    Na xornada o campión foi Sachas, con 29 puntos, seguido polos Musicais Billardeiros de Ribadeo, o tricampión nacional Markytos e o debutante Sampaio que estrea podio e amiaza con acostumarse a él.

                             

    En categoría feminina, Aroa, Geni e Alba repartiron estopa billardeira da boa e coparon o podio.

    Nos infantís, Antía despediuse da categoria infantil e mandou con autoridade, deixando detrás a Mateos (campión infantil da tempada) e no terceiro posto Mateo Ledesma gañoulle a partida a Martín. Saian a pista empatados e o lucense de Madia Leva mais serio e tranquilo, puido superar  o inquedo e bulideiro troitiña. 

    Por equipos, Troitas Bravas e Billardeiros Musicais acabaron tan fortes que xa lles andan mirando para fichalos na Champions da billarda: 89 e 87 puntos meteron no saco. Madia Leva quedou terceiro… pero con honra e probablemente con fame de mais.

     Non faltaron unhas palabras do presidente de O Varal, Xerman e do Sr. Alcalde Dani Vega, en recordo de Suso, que foron acollidas con sun sonoro e prolongado aplauso.

    E finalmente houbo entrega de premios co Sr. Alcalde e o benxamín Martín (entusiasta e espontáneo colaborador) que repartiron máis trofeos ca nunha olimpíada de andar pola casa. E mención especial para Lola, auténtica MVP da tarde cos torrezmos e as farangullas, porque sen comida non hai deporte que aguante.

     Graciñas  repartir para o equipo anfitrión os "Remourelle Bulls" para o Concello de Ribadeo e demás colaboradores do aberto. A seguir dando caña e preparar o Gran Aberto de Santiago para o vindeiro 31 de maio. Mentres tanto saude e Billarda sempre. Adiante co Varal!



No hay comentarios:

Publicar un comentario